PRESENTACIÓN DO LIBRO: A DISTRIBUCIÓN DA RENDA EN GALIZA
Carlos Gradín, Coral del Río e Olga Cantó
FUNDACIÓN CAIXA GALICIA
SANTIAGO, 11 DE XANEIRO DO 2007

X.L.MÉNDEZ, X.RAMÓN FERNÁNDEZ E CARLOS GRADÍN

 

 

RESUMO:

As pensións galegas, con 535,73 euros de media, son as máis baixas do Estado, pero aínda así son ingresos fundamentais para as unidades familiares, especialmente no rural. Esta conclusión despréndese do estudo "A distribución da renda en Galicia" de Carlos Gradín Lago, Coral del Río Otero e Olga Cantó Sánchez, e que será presentado hoxe en Compostela da man da Fundación Caixa Galicia, financiadora do proxecto.

O informe, constata o envellecemento da poboación galega, xa que o 21% da poboación é maior de 65 anos, por riba de calquera outro país europeo, engade tamén que os ingresos deses maiores están a ser fundamentais para manter as rendas das familias. No eido rural, ata o 38 por cento dos ingresos dos fogares proceden destas pagas do Estado, cantidade que baixa, pero non tanto, no ámbito urbano, no que queda nun 30 por cento. As zonas que dependen menos son as das franxas occidentais das provincias de Pontevedra e A Coruña, 21 e 26 por cento, respectivamente. Esta dualidade entre interior e costa incide en todos os factores económicos estudados.

O único "reducto" urbano onde as familias dependen moito dos maiores é Ferrol, cunha taxa do 31 por cento, mentres que en Santiago e Vigo non precisan tanto destes ingresos (16 e 17% respectivamente).

Aínda así, os ingresos per cápita dos fogares non son "para tirar foguetes", xa que a media foi de 561 euros no ano 2004. En Lugo e Ourense, están máis preto dos 500 euros, mentres que no eido urbano alcánzanse os 600. A cidade máis "boiante" neste índice é Lugo, con 643 euros. Destes datos, os autores do estudo A distribución da renda en Galicia, destacan que o 20 por cento dos galegos con maiores ingresos cuadriplican os cartos que recibe o 20 por cento máis pobre.

O estudo incide tamén nos índices de pobreza que se rexistran en Galicia, unha vez máis, moito maiores nas zonas rurais. As zonas máis castigadas son Pontevedra oriental e o resto de Ourense e o bordo litoral da provincia da Coruña, con niveis que chegan a duplicar os existentes en Pontevedra, Vigo, A Coruña ou o norte da provincia de Lugo. En cifras, a taxa de pobreza no rural rolda o 17%, cando nas cidades queda entre o 11 e o 12%. Nos entornos urbanos, destacan os casos de Ferrol e Ourense, cidades que posúen os niveis máis elevados de pobreza urbana de toda Galicia.

Este índice de pobreza está determinado polas características económicas e sociais, e relacionado coas pensións. A maior dependencia destas pagas, maior pobreza.


 

 

Carlos Gradín, Coral del Río e Olga Cantó