RELATOS
UN FERMOSO CADRO. Chano
Piñeiro. "Conversas co vento"
Ana de Chin-pún era
fermosa, era simpática, era lista, en fin, que Añiña
esta como un tren. Tiña vinte e un anos e todos os mozos
do lugar e parte do estranxeiro andaban a facerlle as beiras. Ela
a todos lles falaba e lles ría , peor con ningún mostraba
esa fraxilidade que transparenta o amor. O feito de medrar detrás
da barra do bar dos seus pais deulle unha curiosa facilidade para
o regate na conversa cos homes de todas as idades , e no fondo,
todos lle tiñan respecto.
Un día, Chin-pún
decidiu darlle unha man de pintura ás paredes descoloridas
do bar, colleu a brocha gorda e mais un caldeiro con pintura plástica
e deixou a taberna tan branca e deslumbrante que mesmo parecía
recén inaugurada. Aquel día, Ana, despois do xantar,
tivo un borborismo no intestino e sentiu a necesidade de liberarse.
Colleu unha revista do corazón e foise para alá disposta
a dedicarlle á tarefa todo o tempo que precisase. Defecar
para ela era algo cotián e creativo, algo ao que lle dedicaba
unha atención especial, un lugar onde se relaxaba e deixaba
que os movementos peristálticos fosen expulsando coas contraccións
naturais os restos da súa alimentación. Fumou un cigarro
mentres gozaba do pracer de sentirse máis lixeira. En fin,
que despois de media hora deu por rematada a tarefa e decidiu facer
limpeza, pero nisto que pasou algo raro: tivo a incómoda
sensación de que o seu cu estaba pegado á tapa. Tentou
levantarse de novo, pero comprobou que aquela parva i mpresión
era a dura realidade: toda a tapa estaba fortemente adherida á
súa pel. Ana tentou controlarse e pensar. O seu olfacto deulle
a primeira pista, o cheiro a pintura aínda flotaba no aire:
- "Papá!_ berrou
con ganas de partirlle un pau no lombo. O pai chegou medio adurmiñado.
Por que non me dixeches que pintaras a tapa do water?"
Chin-pún soubo inmediatamente
o que pasara e botou as mans á cabeza.
- "Tranquila, filla.
Proba a despegarte, que a pintura é da barata"
- "Xa probei pero non
hai maneira"
O pai tirou a porta e topouse
con Ana atrapada no trono e coa mirada asasina fixa nel.
- "Que facemos?"-
preguntou Ana
- "Non sei, haberá
que avisar a alguén, non?"_ dubidou Chin- pún
- "Si, podes ilo dicindo
por toda a aldea para ver quen ten a idea máis brillante
para despegarme, pero antes que pasen todos a mirarme. Imbécil"
A filla perdeu a paciencia
e rompeu a chorar. O espectáculo era deprimente. Chin-pún
desenroscou os parafusos da tapa, ela quitou a roupa de abaixo para
poder camiñar e coa tapa pegada ao cu, foise para o seu cuarto.
Cando chegou don Humberto, o médico, quitaron a saba para
mostrarlla á paciente, que loxicamente estaba deitada boca
abaixo:
- "Home, ese cu merece
un bo marco e fósteslle buscar un ben orixinal, pero isto
non é cousa miña. Chamade a Antucho, o carpinteiro,
e que traia un serrucho e esencia de trementina"
Antucho, respectuoso e paciente,
botou tres días gozando do panorama mentres serraba na madeira
ata case rozar na pel. Entón aplicaba a trementina. O último
día armouse de valor e pediuna en matrimonio. Ela, despois
de botar tres días na cama con el, dixo que si, como non,.
Foi o intre en que o emocionado serrucho de Antucho rozou un pouco
a súa nádega e deixoulle para sempre unha curiosa
e inexplicable cicatriz en forma de corazón.
CARNE DE COCIDO. CHANO PIÑEIRO.
"CONVERSAS CO VENTO"
Nin eu mesma crería
que facendo desaparecer o seu corpo dun xeito tan discreto como
natural me ía converter na executora dun crime perfecto
O meu Adolfo, ademais de
ser guapo e simpático, era un marabilloso cociñeiro
que preparaba un arroz con lumbrigante inigualable. Esta era unha
das moitas razóns polas que o noso restaurante estaba sempre
a rebordar. Eu queríao moito e ben, quizais de máis,
por iso ás veces sentía uns vertixinosos celos que
non acababa de controlar. El ríase de min e algunha vez abusou
e burlouse diante miña coqueteando con algunha das miñas
amigas. Eu sorría, pero sufría insoportablemente,
era superior ás miñas forzas.
A noite do crime, cando
cheguei ao noso cuarto, atopeino durmido. Achegueime a el, olleino
e desfrutei escoitando a súa rítmica e fonda respiración,
tan quente e imperturbable que transmitía a inxenuidade e
a inocencia dun neno durmido, meu parrulo. A súa expresión
masculina, relaxada e distante, derramaba aquela seguridade que
tanto me atraía. A súa aparente ausencia, perdida
en soños silenciosos, fixo que abrollase nos meus ollos unha
bágoa de felicidade. Suspirei e debuxei un sorriso pensando
na sorte que tivera en dar cun home tan forte e traballador que
soamente me quería a min e que soamente a min me dicía
que era a muller máis cachonda do mundo. Unha sensación
de orgasmo rozoume naquel intre fuxidío, pero no mesmo instante
Adolfo abriu a boca e dixo: "Así, así, Vanessa..."
Aquela sensación
plena de benestar estaloume no cerebro producindo millóns
de estelas que se me cravaron en cada fibra sensitiva. Foi coma
se me partisen o corazón. "Que Vanessa podería
ser? Xa sei, a nova camareira!!". Adolfo segui susurrando:
"Moi ben, ves, agora xa o podemos meter"
Xa temía eu que aquela
"niña pija" que contratara a primeiros de mes non
era máis ca un coño quente. Cabróns! Que gardado
o tiñan!. Nun rauto de rabia, abafada polo orgullo, mentres
Adolfo seguía soñando tan tranquilo, fun á
cociña polo coitelo máis longo e afiado, e cega e
comesta polos celos espeteille máis de cen coiteladas, ata
que rompeu o coitelo.
Agora, mentres lle explico
á clientela que o meu home embarcou de cociñeiro nun
cruceiro arredor do mundo, recomendo como prato especial da casa
o cocido. Todo o mundo sae falando dos meus espléndidos cocidos
e da súa carne tenra e saborosa.
Xa se sabe que, por dentro,
os seres humanos e os porcos somos moi parecidos, aínda que
a textura da nosa carne cocida é un pouco máis branda
e o sabor un chisco máis doce. A min, encántame, sobre
todo se é de home e está ben feito, como Adolfo.
NOTA DA POLICÍA:
A autora deste escrito está de cociñeira no cárcere
de Beade. Cómpre dicir que os resultados da autopsia do que
quedaba da vítima demostraron que Adolfo no seu soño
estaba explicándolle á nova camareira como preparar
o arroz con lumbrigante e cando metelo no forno
O ANUNCIO. CHANO PIÑEIRO.
"CONVERSAS CO VENTO"
O berro impertinente do
teléfono veu destrozar a miña necesaria sesta. De
mala gana levanteime e collín:
- "Chamo para dicir
que me vou suicidar"
- "Vale, pois que che
aproveite". E colguei
Cos ollos algo inchados,
medio grogui e acabando de saír a flote desde os meus brandos
soños, marchei para a cama. Fun coa mesma mala uva coa que
me levantara pensando que a quen se lle ocorría interromper
o meu sagrado descanso, que canto tolo anda solto. A culpa era miña
por ter teléfono.
Xa deitado, empecei a tomar
conciencia do que me acababa de pasar. O meu cabreo inicial foise
tornando primeiro en reflexión e despois en dúbidas
e preocupación. Podería ser unha chamada equivocada,
unha broma de mal gusto, un psicópata... pero, e se era alguén
que me coñecía? e se ía en serio? Aquilo podería
non ser un xogo.
Axiña me sentín
atrapado nunha situación tráxica e ridícula.
Entón, unha e outra vez esforceime por recordar a frase,
por reproducir exactamente cada unha das verbas, por extraer o ton
de cada sílaba, por identificar o acento da voz que me falaba.
Era un home, iso si que
o tiña claro , pero a súa voz era dunha idade indefinida.
Agora que o analizaba descubría que a frase soaba como se
fose unha confesión e unha despedida. Non había nin
desesperación, nin rabia, nin ameaza. Era unha triste e meditada
determinación e debaixo de todo adiviñábase
a aceptación inapelable do destino.
Pero, quen podería
ser? Demo! Por que respondín dese xeito tan imbécil!?
A miña conciencia cubríame de culpabilidade. Erguinme
decidido a localizar aquela voz. Pensei en catro coñecidos.
Custoume imaxinalos naquela situación, pero a vida fainos
xogadas incomprensibles. Todo nervioso, marquei os seus números.
Soamente un me respondei. Mosqueouse polas miñas intrascendentes
preguntas. Meu Deus, e os outros tres? por que non collían?
Volvín marcar, insistín. Nada. Chamei a máis
xente. Estaba confundido, non sabía moi ben que explicacións
dar. Non lles ía dicir "Oe, chamo para preguntar se
tes pensado suicidarte". Xa había dez coñecidos
que non me respondían. Podería ser calquera deles.
Nisto volveu soar o teléfono.
Atrapeino ao instante, no primeiro sinal.
- "Chamo para dicir
que me vou suicidar..."
- "Ostia! Quen es?
Non fagas esa barbaridade!" _ cortei eu urxentemente nun reflexo
desesperado. Pero a voz seguiu impasible falando xa noutro ton máis
tranquilo e suxerente
- "... Vostede nunca
diría isto se contase cun crédito do noso Banco. Nós
podemos resolverlle todos os seus problemas dun xeito cómodo
e flexible. A vivenda, o coche ou o barco dos seus soños,
por fin poden ser seus. Non se mate facendo números. Chámenos
ao 900.900.900. Acabaremos sendo amigos". (Click)
O PERFUME DO TRIUNFADOR.
CHANO PIÑEIRO. "CONVERSAS CO VENTO"
Era unha noite perdida no
medio da selva. Eu estaba sentado nunha clara e mullida alfombra
branca diante dunha cheminea chisporroteante, o meu pelo brillaba
recén lavado e peiteado, o meu bronceado peito estaba enmarañado
e os meus pectorais, diafragma, bíceps e tríceps lucían
iluminados cálida e sesgadamente para resaltar os seus masculinos
volumes.
De súpeto, abriuse
a porta da cabana, entrou un golpe de vento furioso e apareceu ela.
Ela era alta, fermosa, felina e viña vestida coa luz dunha
mañá de primavera. Penetroume cos seus ollos deixando
espidos os meus íntimos desexos, o seu corpo de vimbio onduleaba
creando insoportables ondas de erotismo e avanzou cara a min coa
clara e decisiva intención de absorberme, de engulirme, de
chuparme. Era unha caníbal, unha muller fatal ou estaba trastornada
polos meus encantos? Cada paso que daba víase máis
alta, máis grande e máis fermosa. Eu estaba tan sorprendido
e excitado que cando achegou a min os seus beizos carnosos e famentos
pensei que o meu corazón ía rebentar. Mirou no fondo
das miñas pupilas desafiando ao máis animal dos meus
instintos, entornou os ollos romanticamente e aspirou o aroma do
meu corpo. Entón quedou embelesada, transportada a un ansiado
e vibrante orgasmo olfatorio e cando de novo abriu os ollos foi
para renderse diante miña e preguntarme candidamente:
-" Que perfume usas?"
Eu respondinlle a verdade
- "Ninjún"
Ela confirmou a súa
sospeita cun sorriso de escrava e xa rendida, pousou para sempre
a súa fera cabeza desmelenada no meu colo, mentres dicía
polo baixo:
- "Que home!"
Entón na pantalla
do televisor apareceu sobreimpresionada en grandes letras color
sangue a palabra "Nin Jún", mentres unha voz feminina
chea de sensualidade e desexo nos daba a boa nova: "Nin Jún.
O perfume do triunfador"
Saín correndo e merquei
unha botelliña do remedio. Alá se me foi o presuposto
do mes. Ía ser demasiado, chegar ao traballo e toparme con
Encarnita, que me ten engaiolado co seu cu mundial e nin sequera
mira para min. Agora ía sufrir ela. Todos ían querer
estar ao meu lado, o tiquismiquis do xefe chamaríame ao seu
despacho para me pedir consello desfrutando do meu aroma, a xente
quedaría pasmada en achegándose a min, os semáforos
ían poñerse en verde ao verme aparecer, sería
un home irresistible, o máis atractivo e desexado do mundo.
Por fin, faríase xustiza e estaría no lugar que me
corresponde.
Rocieime co perfume marabilloso,
vestinme de "chico guapo" e seguro de si mesmo, e metinme
na mellor discoteca da cidade coa sa intención de arrasar
coas mellores mozas. Tan axiña como entrei fun bloqueado
por un bafo tan denso de "Nin Jún" que me deixou
noqueado. Pensei que as luces e a música potenciaran a química
do aroma, pero o que realmente pasaba era que todos os homes chegaran
bañados no mesmo "perfume do triunfador". Volvín
para a casa derrotado e cheo de rabia, collín o que quedaba
de "Nin Jún" e bebino con Coca-cola.
Agora ando cunha insoportable
diarrea que me ten ensumido, vivo de novo incomprendido, só
e deprimido, e sigo soñando con Encarnita, que segue sen
facerme ninjún caso, me cajo na publicidade.
O CASO DO EXTRAÑO
EMPREGADO. AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ. "CONTOS POR
PALABRAS"
- ......
- Boas noites, don Pedro.
Perdoe que o chame a estas horas, pero é para lle dicir que
hoxe pasei todo o día facéndolle as entrevistas aos
candidatos que se presentaron para o posto de representante. Mañá
á primeira hora heille mandar por mensaxeiros un informe
co resumo de todas elas.
- .........
- Aínda houbo ben
deles. Presentáronse doce. Só hai un pedazo que acabei
co último
- ............
- Pois, se quere que llo
adiante xa, na miña opinión hai un candidato que merece
o posto moi por riba dos outros. Paréceme que encaixa á
perfección.
- ................
- Si, xa me alegrei eu tamén.
Que este é un oficio no que non é doado atopar as
persoas idóneas
- ................
- É que algún
problema si que hai. Por iso o chamaba, para lle consultar.
- ....................
- Verá, non sei como
lle dicir. Pero é que me atopei un pouco estraño mentres
falaba co derradeiro candidato
- ...............
- Mire, a cousa xa non empezou
dun xeito normal. Díxenlle por teléfono que o recibía
ás catro e el insistiu en que o pasase para o final , para
as oito, cando xa vai vencido o día
- .......................
- Si, xa sei que iso non
é nada raro. Mesmo podería ser que tivese agora outro
traballo e non quixese faltar unha tarde a el.
- ..............
- Pero é que logo,
xa no despacho, pediume que pechase as persianas, que lle molestaba
a pouca luz que entraba. E abofé que debe ser certo que lle
molesta, que estaba pálido, dispensando, como calquera dos
nosos clientes
- .........................
- Claro que hai de todo
entre os nosos clientes, don Pedro! É que non me expliquei
ben. Referíame aos finados, aos que ocupan os nosos ataúdes
- ...........................
- Ai, amable si que era,
e máis ben. Notábaselle que era de boa xente. Mesmo
me falou dun conde que houbera na súa familia, ou algo así.
- ...................
- Non que va! El dicía
que o soldo era cousa secundaria. Que estaba disposto a cobrar algo
menos, coa condición de que lle deixásemos durmir
no almacén noso. Que seica está afeito a durmir en
sitios así.
- ...........................
- E logo por que me pregunta
pola roupa, don Pedro? Pois mire, viña todo de negro, agás
o forro da capa, que era vermello. Porque lle traía unha
capa, sabe, desas tan elegantes que aínda levan algúns
deses personaxes que saen nas revistas.
- ............................
- Siiiiiii!! Pero, como
sabe vostede iso, don Pedro? Xusto como vostede di! Tiña
dous dentes algo máis longos, que ben se lle vían
cando sorría. Xa me chamaron a min a atención, non
se pense
- .............................
- Acento estranxeiro? Pois
agora que o di... Falaba ben a nosa lingua, pero é verdade
que tiña un aquel... Díxome que pasara unha longa
tempada en ... xa non me lembro ben . Un país deses dos que
andan agora tan revoltos, co da perestroika. Checoslovaquia ou Romania...
Eu non me lembro ben, xa sabe que para isto dos nomes son un caso...
- ..............................
- Si, anda polo almacén.
Díxome que quería ver os ataúdes que fabricabamos.
Eu, por min, a verdade, é que xa apalabraba hoxe o emprego
con el
- .................................
- Non me chame esas cousas,
don Pedro! Eu xa sei que moi listo non son, pero tampouco é
para se poñer así comigo
- .......................
- Un vampiro!!!!!! E di
que atacan pola noite? Que cravan os dentes no pescozo e logo zugan
o sangue? Por iso miraba tanto para o meu pescozo, que ata mo gabou!
- ......................
- Don Pedro! Que se foi
a luz! Non vexo nada... Segue vostede aí, don Pedro? Están
abrindo a porta! Hai unha sombra, agora vexo o vermello da capa!
Don Pedr...!!
- ..........
CLICK
ASÍ FOI, DOUTOR.
SUSO DE TORO
- Ola, bos días
- ¿Qué quiere?
- Viña poñer
o meu nome en galego
- Ya. Como los travestis,
que se operan y luego quieren que se les reconozca el cambio de
sexo
- Pois supoño que
debe ser algo parecido ao dos travestis.... Tamén a un solteiro
cando casa hai que lle facer constar no rexistro o cambio de estado
civil. Os casados son tamén un pouco travestis, _ e mirei
para o anel de casado na súa man
- O sea que lo suyo es debido
a sus ideas
- Pois si señor.
O meu é debido ás miñas ideas. O meu idioma
é o galego, o idioma do meu país é o galego,
e eu quero dentro e fóra do meu país chamarme "Xosé".
En galego. Non sei se me explico
- Se exñica perfectamente.
No me malinterprete, pero es sorprendente como las ideas políticas
pueden esclavizar a una persona. Y eso que usté parece una
persona con estudios
- Por iso, precisamente
por iso...
- Tiene usté razón.
A veces son más fanáticas las gentes estudiadas que
las personas simples, la gente del pueblo. Que lo mismo le da llamarse
José o Filiberto. Hay que ver...
- O que hai que ver é
que xa levo aquí un cuarto de hora de palique e aínda
non sei como teño que facer para poñer o meu nome
en galego. E supoño que vostede estará aquí
para iso...
- Tranquilícese hombre,
que será atendido. No me sea maleducado. Tranquilícese
Ergueuse e dirixiuse a un
armario, abriuno e meteuse tras da porta a enredar dentro. Seguro
que non buscaba nada, seguro que facía tempo. Aquel tipo
íame acabar cos nervios. De súpeto asomou de detrás
da porta do armario e dirixiuse a min con ánimo de súplica.
- ¿Pero usté
pensó en sus padres? ¿Usté pensó en
el disgusto que les quiere dar? ¿A que no pensó en
ellos? Dígame
Incrible. Aquel home era
incrible. Un home así podía dirixir exércitos,
arrasar países. Era indestructible, como Terminator. Como
Robocop, como Mazinger Z. Era Superman entrado en anos. Empecei
a rezar unha avemaría a San Kafka.
- Por favor... que me vai
facer chorar. Deixe en paz aos meus pais e dígame que teño
que facer para poñer o meu nome en galego.
Sentou de novo na súa
cadeira e faloume con reconvención
- Llorar sí que los
va a hacer llorar usted a ellos. Menudo disgusto les va a dar. Usté
no sabe lo que es tener hijos, lo que se les quiere.
- Pero home de Deus, se
teño dous fillos. Deixe aos meus pais e aos meus fillos e
dígame que papel cubro
- ¿Usté no
pensó con cuánta ilusión le escogieron sus
padres el nombre? Seguro que es el nombre de su padre y que quiso
que también usté se llamase como él. "Un
hijo con mi mismo nombre, José. Alguien que me perpetúe,
que lleve mi nombre cuando yo falte", dixo con voz apagada
e mirando para o teito con cara de dor.
Aquel home era un actor
extraordinario. Por un momento pensei no meu pobre pai no leito
de morte padecendo os últimos sufrimentos. A boca entreaberta,
a ollada xa sen brillo, suplicándome xa sen forzas que non
puxese o meu nome en galego. De súpeto, caín na conta
de que meu pai vivía e con moi boa saúde. Sacudín
a cabeza. Aquel home era máis ca un actor, era un hipnotizador.
- Mire, o meu pai chámase
Victoriano e acabo de deixalo no bar tomando un vermú, así
que non me tolee máis. Veñan os papeis ou o que faga
falta cubrir.
Ergueuse con enerxía
e ademán toureiro e sinaloume cun dedo da súa enrugada
man. Sentín como me apuntaba aquel dedo acusador.
- !Usté es un fanático!
!Como quiera! Allá usté y las consecuencias que le
deparen sus actos. Pero no piense ni por un momento que es usté
más gallego que yo. El amor por mi tierra está más
allá de mí mismo y de mis propios deseos o dudas.
Que ben falaba. Despois
de todo seguramente era sincero no que dicía. Parecía
emocionado. Estábame empezando a sentir culpable. Eu non
quixera acusalo ou dubidar do seu amor pola terriña, estábame
malinterpretando.
- Mire, tamén eu
sei falar en galego._ Dirixiuse á fiestra e mirou a través
da cortina para un xardín que se entrevía. Falou con
voz soñadora. Sempre que vou ao campo e falo cos paisanos,
falo galego. A marela, o carro, a fonte... A lingua que mellor expresa
os sentimentos máis nosos. -_Deu volta e dirixiuse a min_.
Pero galego verdadeiro, eh. O enxebre. Non ese inventado agora polos
profesores que non o mamaron. Vostede mamou o galego?, eh¿,
mamouno?
- Home, algo sempre se mama....Pero
pouco, gustaríame telo mamado máis
- Haino que mamar, haino
que mamar!! É a única maneira de ser verdadeiro galego.
Que máis dá o que un fala despois! O que o mamou xa
é galego para sempre, aínda que non o queira está
marcado. Aínda que fale castelán sempre, aínda
que se chame José. Eses son os verdadeiros galegos, _ dixo
dorido e con paixón. Despois quedou en silencio. Eu non sabía
que facer para desculparme ante aquel home.
- Desculpe se o ofendín.
Non era a miña intención dubidar do seu amor por Galicia.
Nin por un momento. Mire, se me dese un papeliño para cubrir
o do nome...
- O do nome...
- Para pasar de "José"
a "Xosé"
¿Pero aún
persiste...?
- Verá, é
que xa o teño moi falado coa muller e agora non lle vou dicir
que cambiei de idea despois de telo tan discutido. Ademais que son
moi cabezón e como se me meta unha idea...
- Vale, allá usté.
No quiero ser yo quien le ponga obstáculos a su decisión,
hágalo si quiere- _ Sentou e púxose de novo a mirar
a lista de números premiados na lotería. Eu estaba
algo confuso
- Pero logo non me vai dicir
o que teño que facer ou dar algún papeliño
para cubrir?
Levantou a vista do que
tan atento lía e miroume con cara de sorpresa e un punto
de indignación
- !!!Para eso vaya usté
a donde tiene que ir!!!
- Pero logo non é
aquí?
- Pero hombre, ¿No
ve que aquí es el juzgado número 2? Para eso tiene
que ir a la ventanilla del Registro Civil
- Así foi, doutor,
cando sentín esa dor tan forte no peito. Polo que me contaron
coido que perdín o coñecemento.
|