1.
O
movemento cooperativo como dinamizador das capas excluidas. Angel Alonso.
RESUMO
Analise do movemento cooperativo como
factor dinamizador da inserción social dos excluidos sociais
ou en risco de exclusión. Para elo,
afondaremos nas bases do movemento
cooperativo e a creación de estructura.
COOPERATIVISMO
O
cooperativismo é un fenómeno relativamente moderno, tanto dende o punto de
vista doctrinal e ideolóxico como dende a perspectiva
práctica. A súa orixe podemo-la situar na primeira metade do século XIX, no marco socioeconómico da Revolución
Industrial, aínda que moito
antes xa podemos atopar exemplos de espírito asociativo, seguindo algúns dos principios da
cooperación moderna, o que nos permite considera-lo traballo
asociado como unha das formas máis
antigas de asociación no traballo.
O cooperativismo englóbase na
chamada Economía Social xa
que os seús fins son tanto
económicos - ser rentable e mellora-las conicións socioeconómicas dos seus
socios - como sociais - fomenta-la igualdade de sexo, raza ou creenza, promove-la formación dos
seus socios, intercooperar
co entorno -. As cooperativas son a expresión da democratización da economía, nelas esíxese a participación e o
protagonismo das persoas, das súas
opinións e decisións nunha situación de igualdade e
respecto mutuo.
O movemento cooperativo está presente na práctica totalidade dos países
e nos distintos sectores económicos, en tódolos casos
o funcionamiento das cooperativas baséase nunhas pautas de actuación comúns
que a Alianza Cooperativa Internacional, máximo organismo de representación do
cooperativismo, establece, son os chamados Principios Cooperativos:
- Adhesión voluntaria e aberta: liberdade
de pertenza á cooperativa.
- Xestión democrática por parte dos socios, en base ó
principio dunha persoa, un
voto.
-
Participación económica dos socios: aportando capital social e participando nos
resultados económicos en función da actividade cooperativizada desenvolvida.
-
Autonomía e independencia da cooperativa: o control corresponde ós socios.
- Educación, formación o información permanente para o desenvolvemento
integral dos socios e as súas cooperativas.
-
Cooperación entre cooperativas, como principio estratéxico
e solidario a través da colaboración dunhas
cooperativas con outras.
- Interese pola comunidade
para acadar un desenvolvemento
sostido do seu entorno.
"A cooperativa é unha sociedades de capital
variable que, con estructura e xestión democrática,
en réxime de libre adhesión e baixa
voluntaria, desenvolve unha
empresa de propiedade conxunta,
a través do exercicio da actividades socioeconómicas,
para prestar servicios e para satisfacer necesidades e aspiracións
dos seus socios, e en interese pola
comunidade, mediante a participación activa deles, distribuíndoos resultados
en función da actividade cooperativizada."
(Lei 5/98 de Cooperativas de Galicia).
Calquera actividade
económica pódese desenvolver e organizar mediante unha
sociedade cooperativa que se identificará incluíndo na súa
denominación "S. Coop. Galega".
Para
promover, coordinar e desenvolver fins económicos comúns e reforzar-la súa actividade económica, dúas ou máis coopertivas
poden constituir cooperativas de segundo grao.
Así mesmo, para a defensa e promoción dos seus intereses, as cooperativas poden asociarse libre e
voluntariamente en Unións, Federacións
e Confederacións. Todas elas,
xunto co Consello Galego de Cooperativas, integran o movemento
cooperativo da Comunidade Autónoma de Galicia.
COOPERATIVAS DE TRABALLO ASOCIADO
As cooperativas de traballo asociado están formadas
por persoas con capacidade
legal e física para desenvolver unha actividade. Teñen por obxecto proporcionar postos de traballo ós seus
socios para producir en común bens e servicios para
vender a terceiros.
Trátanse dunha libre
asociación de traballadores que queren
xerar riqueza socialmente útil, mediante unha xestión democrática, que
reparten excedentes en función da valoración do traballo
aportado, e non do capital, e practican a formación permanente nun marco de solidaridade.
A diferencia dos demais tipos de cooperativas que teñen que estar formadas por catro
socios, as coooperativas de traballo
asociado poden constituirse e funcionar con tres socios.
COMPOSICIÓN DA COOPERATIVA
Tres ou máis persoas poden constituir unha
Cooperativa de Traballo Asociado. Para formar parte dunha cooperativa é necesario cumprir
uns requisitos legais e
estatutarios ademáis de suscribi-la achega obrigatoria mínima que establezan os Estatutos.
Os socios poden ser:
- Socios traballadores - a súa
condición na cooperativa é a de socios xestores da mesma ó tempo que
realizan o traballo necesario para desenvolve-la actividade da
cooperativa.
A cambio do seu traballo teñen dereito a percibir
mensualmente un anticipo laboral a conta do resultado
final do exercicio.
A incorporación á cooperativa en condición de socio traballador
debe solicitarse por escrito ó Consello Rector e os
estatutos da cooperativa poden establecer un período de proba non superior a
seis meses.
- Socios colaboradores - os estatutos poden prever e regula-la súa existencia, podendo ser persoas físicas ou xurídicas, que sen poderen
realizar plenamente o obxecto social da cooperativa,
poden colaborar na súa
consecución. O seu número non excederá dun tercio dos socios da cooperativa.
A cooperativa pode contratar traballadores por conta allea para a prestación de traballo, non podendo exceder do
30% do total de socios. Os estatutos da cooperativa fixarán
o procedemento polo que poden acceder á condición de
socio.
DEREITOS E OBRIGAS DOS SOCIOS
Os socios están obrigados a cumprir-los
deberes que a Lei de Cooperativas de Galicia e os seus estatutos establezan. Son fundamentais os seguintes:
- Participar na actividade
empresarial que desenvolva a cooperativa.
- Participar nas actividades de formación.
- Desembolsa-las achegas ó capital social.
- Asistir ás reunións da asemblea e dos órganos sociais
dos que formen parte.
- Acepta-los cargos para os que fosen elixidos.
- Cumpri-los acordos que
válidamente adopten os órganos sociais.
- Gardar segredo sobre aqueles
asuntos e datos dos que a súa divulgación poida perxudicar á cooperativa.
Os socios teñen dereito a :
- Participar na actividade
empresarial e societaria.
- Elixir e ser elixible para os cargos dos órganos sociais da cooperativa.
- Formular propostas e participar con voz e voto na adopción de acordos dos
órganos sociais.
- Recibi-la información necesaria para o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.
- Percibir, no prazo non superior a un mes, un anticipo
laboral.
- Vacacións, descanso semanal, festas,
permisos ou excedencias, segundo o previsto na lei e nos estatutos.
- Disfrutar dos beneficios da Seguridade Social,
segundo o réxime elixido.
- Á actualización e devolución das achegas ó capital
social, coa correspondente
deducción, se procede, cando causen baixa na cooperativa.
- Recibir retorno cooperativo, se é o caso.
ORGANIZACIÓN INTERNA
A empresa cooperativa ten unha vertente
social e outra empresarial, na
primeira atopamo-la Asemblea Xeral e o Consello Rector, na segunda, o
organigrama empresarial similar ó de calquera outra empresa.
A Asemblea Xeral
está composta por tódolos socios da cooperativa e é a
máxima expresión da súa vontade
social, nela, cada socio é un voto. Os acordos adóptanse, agas nos supostos regulados pola lei, por máis
da metade dos votos válidamente expresados.
O seu obxecto é deliberar
sobre a política xeral da cooperativa e adoptar acordo sobre os asuntos da súa
competencia:
- Aprobación do plan empresarial da cooperativa.
- Nomeamento e revocación das persoas
que teñan cargos na
cooperativa, así como o exercicio da acción de responsabilidade contra elas.
- Exame da xestión social,
aprobación das contas anuais
e distribución de excedentes ou imputación de perdas.
- Establecemento de novas achegas,
emisión de obrigas ou outro tipo de participacións e establecemento ou modificación de
cotas de ingreso.
- Modificación dos estatutos e aprobación e modificación do regulamento
de réxime interno.
- Creación de seccións e constitución de cooperativas
de segundo grao.
- Fusión, escisión, transformación, disolución e liquidación da cooperativa,
así como a súa cesión ou alleamento total ou parcial.
A Asemblea Xeral é
Ordinaria cando o seu fin sexa
o exame da xestión social,
a aprobación do plan empresarial e as contas anuais e resolver sobre a distribución dos excedentes e a
imputación das perdas. A súa
convocatoria terá lugar nos seis primeiros
meses do ano. Tódalas demais
Asembleas teñen o carácter
de Extraordinarias.
O Consello Rector é o órgano de goberno, xestión e representación
da sociedade cooperativa, con suxeición
á lei, os estatutos da cooperativa e a política xeral fixada pola
Asemblea Xeral. Nas cooperativas con menos de dez
socios, os estatutos poden establece-la existencia dun
Administrador único.
O número de membros do Consello
Rector non pode ser inferior a tres (presidente, vicepresidente e secretario), agás nas cooperativas con menos
de catro socios, nas que
poden ser dous, desaparecendo
a figura do vicepresidente. Os conselleiros son elixidos por un período de entre dous
e seis anos. Se o prevén os estatutos, ata un 25% dos membros
do Consello Rector poden ser persoas
non socias, agás o presidente e o vicepresidente.
Os Interventores forman o órgano de fiscalización da cooperativa, a súa función principal é a censura das contas
anuais e a emisión dun
informe propoñendo a súa
aprobación ou sinalando as observacións que estimen oportunas.
O número de interventores establécese
estatutariamente e cando exista máis dun, a asemblea pode nomear, por maioría de dous tercios, a unha persoa non socia.
Outros órganos sociais: se
o preven os estatutos, a asemblea
pode elixir a tres ou máis
socios para forma-lo Comité de Recursos encargado de resolve-los
recursos contra as sancións impostas ós socios polo Consello Rector e
os demáis recursos en que así o prevexa
a lei e os estatutos. En ausencia deste
órgano, a asemblea asume as súas
funcións.
As cooperativas obrigadas a realizar auditoría
externa de contas deben nomear
un Letrado Asesor para exercicios sucesivos mentras permaneza a obriga de auditarse. Non pode ser socio da cooperativa e a súa función e dictaminar se son conformes a dereito os acordos adoptados
polos órganos sociais da cooperativa.
RÉXIME ECONÓMICO
Para formar unha cooperativa os socios teñen que aporta-los recursos necesarios para desenvolve-la súa actividade, ben persoalmente ou recorrendo a fontes externas
(préstamos e créditos de entidades financieras, subvencións,
etc.).
CAPITAL SOCIAL
Os primeros recursos con que conta unha cooperativa son as aportacións
dos socios, estas achegas constituen
o capital social. Ningún socio pode ter máis dun tercio do mesmo.
Os principios de libre adhesión e baixa voluntaria
fan da cooperativa unha sociedade
de capital variable, aínda que éste nunca pode ser
inferior ás 500.000 pesetas establecidas legalmente
como capital social mínimo, que debe estar totalmente desembolsado dende a súa constitución.
Achegas Abrigatorias
- son fixadas nos estatutos e imprescindibles
para adquiri-la condición de socio; no momento da súa subscrición debe desembolsarse polo menos o 25%. A Asemblea Xeral pode acorda-la asixencia de novas achegas obrigatorias dos novos socios e as condicións e prazos para o seu desembolso.
Achegas voluntarias - a Asemblea Xeral pode acorda-la súa existencia, debendose desembolsar íntegramente no momento da súa subscrición, ó tempo que fixa
as súas condicións e
retribución.
Os socios teñen dereito ó
reembolso das súa achega
cando causen baixa na
cooperativa. A liquidación farase según o balance de pechamento do exercicio no que se
produza a baixa,
computándose, para o seu desconto,
as perdas reflectidas nel. O Consello Rector pode
aplicar deducción ás achegas
obrigatorias cando a baixa
non sexa xustificada ou en caso de expulsión, non podendo
ser superiores ó 20 e ó 30%, respectivamente.
O prazo de reembolso non pode exceder de cinco anos,
a partir de data de baixa, agás
en caso de falecemento do socio que se reduce a un
ano. As cantidades pendentes de reembolso darán dereito a percibi-lo xuro legal do dinero, incrementado a partir do segundo ano
en dous puntos cada ano, acumulativamente.
OUTRAS FONTES DE FINANZAMENTO
Os estatutos ou a asemblea
poden establecer cotas de ingreso e/ou periódicas que
non forman parte do capital social nin son
reintegrables. As cotas de ingreso non poden supera-lo 50% da achega obrigatoria mínima ó
capital social en cada momento.
Por acordo da asemblea, a
cooperativa pode emitir obrigas, títulos participativos,
contratar contas en participacións
e admitir finanzamento voluntario dos socios e de terceiros baixo calquera modalidade xurídica.
FONDOS SOCIAIS OBRIGATORIOS
As cooperativas están obrigadas, por lei, á dotación de dous fondos, ós que se destina unha cuantía
global mínima do 30% dos excedentes netos.
Fondo de Reserva Obrigatotio - destinado á
consolidación, desenvolvemento e garantía da
cooperativa, é irrepartible entre os socios. A este
fondo destínase necesariamente:
- Un 20% dos excedentes netos anuais.
- As deduccións ó capital social en caso de expulsión
ou baixa non xustificada.
- As cotas de ingreso.
- Os beneficios obtidos das operacións
cooperativizadas realizadas con terceiros
non socios, nun 50% como mínimo.
Fondo de Formación e Promoción Cooperativa - ten condición de
inembargable e debe materializarse dentro do exercicio
económico seguinte a aquel no que se efectúa a
dotación.
Trascorridos cinco anos sen facer uso del, será
trasferido ó Consello Galego
de Cooperativas. Ésta destinado a atender algunhas
das seguintes accións:
- Formación cooperativa e profesional dos socios e traballadores.
- Formación en dirección e xestión de empresa do Consello Rector e Interventores.
- Promoción das relacións intercooperativas
e creación de entidades representativas.
- Promoción e difusión do cooperativismo no entorno social e na sociedade en xeral.
A este fondo destínase obrigatoriamente:
- Un 5% dos excedentes netos anuais.
- As sancións económicas que se lles
impoñen ós socios.
RÉXIME FISCAL
O tratamiento fiscal das cooperativas baséase en dous principios: o fomento do cooperativismo e o respecto ós seus principios.
As Cooperativas de Traballo Asociado considéranse
especialmente protexidas, cando cumpren
os seguintes requisitos:
- Asociar a persoas físicas que prestan o seu traballo persoal
na cooperativa.
- Dotar correctamente os fondos sociais obrigatorios.
- Respecta-la porcentaxe de persoal
contratado permitido legalmente.
- Non reduci-lo capital social mínimo por debaixo do obrigado legalmente.
- Non ter un número de socios menor ó establecido
legalmente.
- Non paraliza-la actividade cooperativizada
ou ter sen actividade os órganos sociais
durante dous anos, sen causa xustificada.
- Respecta-la lexislación vixente
no referente ás achegas ó
capital social, regularización do balance, aplicación de xuros,
distribución do retorno e imputación de perdas.
- Que a retribución total dos socios (anticipo máis
retorno) non supere máis do 200% o que sería a
retribución normal no mesmo sector de actividade.
As condicións fiscais das
que se benefician son:
- Imposto de Transmisións Patrimoniais:
exención respecto á constitución, ampliación de capital, fusión, escisión e na adquisición de bens e dereitos para o cumprimento dos fins sociais e estatutarios.
- Imposto de Sociedades:
* gravamen do 20% ós resultados
cooperativos e ó tipo xeral os resultados
extracooperativos,
* liberdade de amortización dos elementos
de activo fixo novo amortizable adquiridos nos
tres anos seguintes a súa
incripción no Rexistro de
Cooperativas,
* bonificación do 50% da cota íntegra,
* deducción na base impoñible,
do 50% dos resultados que se destine ó Fondo de
Reserva Obrigatorio e do
100% do destinado o Fondo de Formación e Promoción, na
cuantía mínima legalmente establecida.
* bonificación do 90% da cota íntegra
durante os primeiros cinco anos de actividade, para as cooperativas formadas nun 50% por desempregados
minusválidos.
* Imposto de Actividades Económicas: bonificación do 95%.
* Beneficios fiscais en operacións de fusión e escisión.
PROCESO DE CONSTITUCIÓN
A cooperativa adquire personalidade
xurídica cando se inscribe no Rexistro
de Cooperativas. O proceso a seguir ata chegar á inscrición é o seguinte:
- Solicitude de Certificación negativa de
denominación ante a Sección Central do Rexistro de
Cooperativas da Administración Xeral do Estado. A
denominación resérvase durante catro
meses a favor da cooperativa solicitante.
- Celebración da Asemblea Constituínte,
agás que tódolos promotores
outorguen a escritura pública de constitución e non
se faga uso da cualificación previa dos Estatutos. A Asemblea Constituínte esta
formada polos promotores que deliberan e deciden sobre tódolos
asuntos necesarios para o outorgamento da escritura
de constitución:
* elixir o presidente e secretario da Asemblea
constituínte,
* identifica-los promotores que van constitui-la
cooperativa,
* elixir a persoa ou
persoas encargadas de realiza-los trámites para a inscrición da cooperativa,
* aproba-los Estatutos sociais,
* elixi-las persoas
que van outorga-la escritura pública,
* aproba-la valoración das achegas
non dinerarias,
* defini-lo tipo de cooperativa que se quere crear,
* elixi-las persoas
que van forma-los órganos sociais, recollendo a súa aceptación e
declaración de non estar incursas en causa de incapacidade
ou incompatibilidade,
* aproba-la forma e prazos
para o desembolso do capital social, agás se realice
a achega íntegra.
- Cualificación previa dos Estatutos, ante o Rexistro
de Cooperativas correspondente á provincia onde se atope a cooperativa ou na sección central se o seu
ámbito de actuación é superior . Para obte-la cualificación é necesario aportar:
* Solicitude de cualificación previa,
* a Certificación negativa de denominación,
* unha copia numerada dos Estatutos,
* unha copia da acta da Asemblea
Constituínte, debidamente certificada.
- Escritura pública de constitución da cooperativa que recolle:
* Acta da Asemblea de constitución,
* Certificación negativa de denominación.
* Estatutos da sociedade.
* Relación de socios promotores.
* Acreditación do desembolso total do capital social mínimo fixado estatutariamente.
* Declaración da data na que a cooperativa ten
previsto inicia-la súa actividade.
- Inscrición da sociedade
no Rexistro de Cooperativas, nos dous
meses seguintes á realización da escritura. É
necesario presentar:
* Solicitude de inscrición..
* Liquidación do Imposto de Transmisión Patrimoniais.
* Unha copia autorizada e unha
copia simple da Escritura pública de constitución.
* Comunicación do número de identificación fiscal.
* Xustificante do pagamento da taxa de inscrición.
ESTATUTOS SOCIAIS
Os estatutos regulan a estructura e funcionamento
interno da cooperativa. Apróbanse na
Asemblea Constutuinte e
poden ser modificados, o longo do tempo, con autorización de dous tercios da Asemblea Xeral e a súa posterior inscrición no Rexistro de
Cooperativas.
Teñen a consideración de primeira
fonte de dereito para a
cooperativa e deben recoller, como mínimo, as seguintes cuestións:
- denominación, domicilio e obxecto social,
- capital social mínimo,
- ámbito territorial de actuación e duración da sociedade,
- condicións e requisitos para ser socio e réxime de baixa,
- obrigas e dereitos dos
socios,
- réxime de participación mínima, do socio, na actividade,
- normas de disciplina social,
- convocatoria de asembleas: prazo
e forma de publicidade,
- achega obrigatoria mínima
para ser socio, condicións de transmisión e
reembolsa,
- réxime da Seguridade
Social ó que van pertencer os socios traballadores,
- composición dos órganos sociais e duración do
mandato dos seus membros,
- réxime das seccións que
se creen, se é o caso,
- causas da disolución da cooperativa.
DEMAIS TRÁMITES DE CONSTITUCIÓN
Unha vez inscrita a sociedade
no Rexistro de Cooperativas, debe realiza-los
trámites propios de calquera empresa para o inicio da
súa actividade:
- Delegación do Ministerio de Economía y Hacienda:
* solicitude do Código de Identificación
Fiscal,
* alta no Censo de actividades,
* alto no Imposto de Actividades Económicas.
- Tesorería General da Seguridad Social:
* inscrición da empresa e afiliación dos
socios traballadores no Réxime
Xeral, como asimilados a traballadores
por conta allea, ou afiliación dos socios traballadores
no Réxime Especial de Autónomos,
* Inscrición da empresa e alta
dos traballadores contratados, se é o caso.
- Delegación da Consellería de Xustiza,
Interior e Relacións Laborais:
* comunicación de apertura do centro de traballo.
- Concello:
* licencia de apertura, de obra, etc.
- Rexistro da propiedade
inmobiliaria:
* inscrición de bens
inmobles, sé é o caso.
- Rexistro da propiedade
industrial:
* inscrición de nomes
comerciais, patentes, marcas, deseños
industriais e rótulos.