ARTIGO 2.  A INSERCION SOCIAL DOS INMIGRANTES. POR LUIS LEIRO, ASOCIACION INCLUSION.

RESUMO

Nun entorno como o que estamos a vivir, de trocabilidade xeral e continua, a eclosión do fenómeno das migracións tamén esta a ser suliñable no noso país. Así este colectivo xa representa unha cifra salientable, posúe unhas determinadas características e sofre algúns procesos de inserción complexos na súa aplicación práctica.

 

LEI DE EXTRANXEIRÍA.

A consabida Lei de extranxeiría esta a traer numerosos efectos colaterais no eido social.

Temos o problema da regularización , papeis para todos que reclamabamos dende as ongs, protexendo os máis febles os inmigrantes que fuxen da pobreza e a misería na procura dun “mundo mellor”, é paradóxico que en Galicia é onde menos demandas foron admitidas (o 88,01%), dez puntos por baixo da media nacional. Así son, de momento, 411 (aquelas con documentación completa), é dicir, un contrato de traballo e os certificados de empadroamento e de antecedentes penais. Das 56 restantes, 44 están pendentes da entrega do certificado.Pontevedra é a provincia con maior número presentado, 170; seguida da Coruña, 164; Lugo, 80; e Ourense, 53.

Todo isto a pesares dos bos agoiros que tiñamos durante o proceso onde moitosilegais” se achegaban a nós ca ilusión de que se lle cumpliran os seus dereitos básicos; contrato de traballo, salario digno,… ben certo é que non é doado de abordar xa que logo interfiren moitos aspectos que trataremos  de percorrer modestamente.

 

O FENOMENO DA INMIGRACION.

A inmigración é un fenómeno común nas rexións desenvolvidas. A confluencia de taxas de natalidade baixas e o diferencial no nivel e calidade de vida respecto doutras rexións ou países menos favorecidos, exerce unha lóxica atracción que determina a existencia de fluxos migratorios.

    A relativa permeabilidade das fronteiras, a existencia de mercados de traballo con custos relativamente elevados e os sistemas de protección social e xurídica que caracterizan ós países europeos, coadxuvan ó feito de que a inmigración se convertese nunha realidade contemporánea que, habida conta das proxeccións demográficas, tenderá a incrementarse nos próximos anos.

    Neste marco, Galicia non constitúe unha excepción. A pesares de que a inmigración na nosa rexión é inferior á que se produce noutras zonas de España e de Europa, e de que presenta características distintas, parece evidente que se trata dun feito crecente e irreversible. Debe considerarse como unha consecuencia de varias décadas de baixa natalidade, do aumento do nivel de vida e do conseguinte freo da emigración que caracterizou a nosa rexión en épocas anteriores. Precisamente este tránsito da emigración á inmigración, representativo do desenvolvemento de Galicia nos derradeiros anos, presenta unha singular esixencia moral e de solidariedade dos galegos para cos emigrantes, en xusta reciprocidade ó recente devir histórico e en memoria dos nosos propios emigrantes.

    As previsións, en relación co impacto do fenómeno migratorio no noso mercado laboral, prevén un rápido incremento do continxente anual de permisos de traballo. No conxunto de España, anque as magnitudes posibles ofrecen claras discrepancias apúntanse crecementos significativos, dende a duplicación dos actuais, ata a multiplicación por dez nos próximos anos. En calquera caso, a tendencia ó incremento do número de inmigrantes e os seus efectos sociais, laborais, educativos ou residenciais, suxiren a conveniencia dunha reflexión estratéxica e da adopción das medidas necesarias en cada área.

    No caso de Galicia, sendo complexo o cálculo deste fenómeno, convén admitir como tese o aceleramento do fluxo de recepción de inmigrantes. O envellecemento da poboación galega, unido ás necesidades do noso mercado de traballo en relación cos nosos niveis de producción, fundamentan estas previsións.

    Sen embargo, e fronte a consideracións negativas deste fenómeno, baseadas con frecuencia en razoamentos de dubidoso sentido ético e económico, o certo é que a inmigración pode contemplarse como unha oportunidade antes que como unha ameaza:

• En primeiro lugar, porque contemplada como un proceso de pura substitución demográfica, a inmigración axuda ó relevo xeracional.

• En segundo lugar, e dende unha perspectiva máis economicista, a inmigración permitirá manter os niveis de producción, incorporándose habitualmente a aqueles empregos menos desexados por unha poboación autóctona que incrementa con rapidez o seu nivel de cualificación.

• En terceiro lugar, considerando a relación económica e social, a inmigración permite o sostemento dos sistemas de protección social, en particular da atención sanitaria e das pensións. Obviamos aquí, aspectos relativos á solidariedade entre rexións e países, así como fenómenos conxunturais relacionados con situacións de conflicto ou desprazamentos organizados.

CONCLUSIÓNS

    En calquera caso, e a modo de primeira conclusión, a inmigración na próxima década incrementarase en Galicia de maneira notable. E isto, con independencia dunha recuperación dos índices de natalidade neste período, dunha reducción significativa do desemprego o do aumento da nosa taxa de actividade ata niveis medios europeos. Xustifican esta afirmación, o baixo crecemento da oferta de traballo autóctona e o previsible desaxuste entre esta oferta e as necesidades de man de obra de certas ramas de actividade.

    Unha segunda conclusión, de tipo valorativo, lévanos a considerar a inmigración como un fenómeno positivo, tendo en conta a nosa situación demográfica, laboral e social. Na Galicia do 2010, os inmigrantes residentes en Galicia non serán soamente máis que na actualidade, senón que o seu peso cualitativo resultará fundamental para o mantemento da producción e os servicios, especialmente en determinadas áreas de actividade.

    En terceiro lugar, convén ter presente o impacto do fenómeno migratorio, prevendo as necesidades que xerará no ámbito educativo, social, sanitario ou residencial, e anticipando políticas de integración que eviten calquera risco de marxinalidade. Neste sentido, a educación dos nosos mozos nunha perspectiva integradora, aberta a outras culturas e realidades, dende este mesmo momento, debería converterse nunha prioridade.

    Centrándonos nos aspectos propios que presenta a inmigración respecto do traballo e a protección social, convén formular algunhas propostas que permitan abordar con éxito a realidade descrita con anterioridade. Partindo do convencemento de que no mercado laboral galego estará presente un número relativamente elevado de traballadores inmigrantes, a primeira preocupación debe ser a garantía dos seus dereitos fundamentais no ámbito laboral e social. Os aspectos xurídicos que consolidan a igualdade e a non discriminación pola súa condición de inmigrantes, deben vixiarse especialmente. Neste sentido, administracións públicas, axentes sociais e entidades de iniciativa social deben asumir o compromiso da igualdade de trato en tódolos ámbitos da vida social, convertindo a sociedade galega da próxima década nun referente ético, sustentado sobre a súa capacidade de integración

Bibliografía.

*Alonso González, Ángel e Álvarez Gómez, Julio: “Entorno os conceptos de crecemento e desenrrolo económico” in xornal Inclusión nº4, www.inclusionweb.org  2005”

*Alonso González, Angel “Exclusión social I. Inclusión polo emprego” Ed. Cronicas Visuales. Vigo 2.003

* Alonso González, Ángel, “As distintas caras da exclusión: a exclusión no mercado de traballo, enfoque da Unión Europea “in Ceidir review www.ceidir.org. 2003.

*Enrique Dickmann, Poboación e inmigración, editorial Losada s.a,, Madrid 1996.

*Vázquez Barquero, Antonio. “Desenrrolo local. Unha estratexia para a creación de emprego”. Ed. Pirámide. Madrid. 1988.

*Vázquez Barquero, Antonio. “Política económica local”. Ed. Pirámide. Madrid. 1993.

*Vázquez Barquero , Antonio e Garofoli, G: “Desenrrolo local en Europa”Ed. Col. De Economistas. Madrid. 1995.